A Porta Nova

Rúa da Porta Nova de Abaixo 

A rúa da Porta Nova de Abaixo, que discorre en paralelo á muralla, marcando o seu adarve43, é sen dúbida unha das máis fermosas da xudería. No conxunto rítmico e harmónico das casas que conforman intégranse tamén pequenos azulexos, como o da casa número 10, que ratifica a filiación sefardita de Ribadavia, ou a estrela de David que sinala o número 27, nunha fermosa casa popular que mostra o nivel orixinal da rúa e que loce balconada de madeira. 

Rúa da Porta Nova de Arriba 

Desde o arco da Porta Nova, a rúa da Porta Nova de Arriba se interna de novo na xudería, sen perder un chisco do sabor pechado e medieval do conxunto. No cruzamento desta rúa coa travesía de Porta Nova sitúase A Tafona da Herminia, un forno especializado en dulcería sefardita, onde non faltan os obxectos tradicionais, traballos de encaixe de palillos nin a conversación de Herminia, a propietaria, unha das máis entusiastas defensoras da tradición hebrea na vila. 

Porta Nova 

Ao final da rúa da Porta Nova de Abaixo ábrese o arco da Porta Nova, que conserva parte do seu perfil ameado e permite o acceso desde a vila ata o río Miño, polo camiño da Baixada a Barca. Aquí establécese o límite sur do barrio xudeu. 

Segundo algúns autores, a muralla xa protexía a vila no século XII, ampliándose entre os séculos XIV e XV. A súa demolición iniciada en 1832 e por mor de dificultades económicas xamais se finalizou na súa totalidade. 


—Que teima teñen vostedes cos xudeus, caramba. Aquí, botámolos fóra nos tempos dos Reis Católicos, hai máis de catrocentos anos e santo remedio, nunca máis volveron. Nós si que o fixemos ben. E mire que nesta vila había ben deles, acá pola Porta Nova empezaba o seu barrio. Había ata sinagoga e todo, un lugar ben bonito. Se quere, dígolle a un sobriño meu, que está na Falanxe e sabe moito de historia, que os leve a dar unha voltiña. 

—Moitas grazas pero non, non queremos saber dos xudeus de hai 400 anos, queremos saber dos que están a fuxir cara a Portugal, nunha rede ben organizada desde o norte de Europa. Sospeitamos que hai altos cargos diplomáticos implicados, tamén de España e Portugal, e parécenos incrible que vostedes non atopasen nada raro nestes meses. Por forza tiveron que vir ata acó os seus enlaces… —Jörg reproducía o que Günter lle indicaba. 

—A ver como llo digo sen que lle pareza mal. Non quero ser maleducado pero asegúrolle que vostedes andan moi equivocados. Aquí pode haber estraperlo co café, co carallo ese de volframio que a vostedes tanto lles presta, con tabaco… migallas, señores. Pensan que imos ter unha rede de espías diante das nosas caras. Mal saben vostedes que aquí non se move unha folla sen que nós o saibamos, señores herren. Temos esta xentiña ben a raia, dígollo eu. Os roxos e os rebeldes onde van, acabamos con eles hai xa case catro anos, como moito queda algún agachado no monte, pero han morrer de fame se non damos nós antes con eles. Fixemos unha boa limpa desa merdalla roxa. Non se move unha rata sen que eu me decate, iso pódollo asegurar. E do pouco que non nos apercibimos, temos xente na vila axexando e informándonos de todo movemento estraño. Temos a veciñanza ben agarraa polos collóns, non sabe o que se chega a facer por medo… Fágame caso, aquí non hai onde rañar. 

Memoria do Silencio (pax 80-81)