Ribadavia

Hoxe é a miña última noite en Ribadavia. A penas saín da casa no tempo que levo aquí, só o día que cheguei pisei a rúa pero pareceume un lugar ben bonito. Gustaríache, tan amante como sempre fuches do campo e dos lugares con fortes pegadas históricas. Non o vas crer pero esta localidade era un dos principais centros sefardís na idade media en España. De feito, a casa desde a que che escribo está en pleno barrio xudeu. Imaxinas que os nosos antepasados puideron andar por estas mesmas rúas hai cinco séculos? As barbaries da Historia repítense Bob, ciclicamente. Daremos aprendido algunha vez? Memoria do Silencio. Frieda.

Ribadavia é un concello ourensán que pertencente á comarca do Ribeiro. Está atravesada polo río Avia, pouco antes da súa desembocadura no río Miño, entre a serra do Faro e a serra do Suído.

A zona xa era poboada na época castrexa. Coa chegada dos romanos proseguiu o aproveitamento mineral (especialmente do ouro) e das augas termais. Segundo Estrabón a mediados do século II xa se elaboraba viño do Ribeiro. Posiblemente se corresponda coa poboación romana de Abobrica. A rexión foi asolada no 754 polas tropas de Abdul-Azis e conquistada no 793 por Abdul-Malek, sendo máis tarde reconquistada por Afonso II. Durante a Idade Media foi coñecida como Rippa Avie. Foi capital do Reino de Galicia entre os anos 1065 e 1071, durante o reinado do rei Don García. No século XII aumentou o seu poder económico, o que derivou nun aumento demográfico. Este auxe coincidiu co dos mosteiros de San Clodio de Leiro, Melón e Oseira e da encomenda da Orde de Malta en Beade. Fernando II concedeulle en 1164 o foro de cidade, entón chamada Bobou, e entregouna a Xoán Arias da Casa de Traba. Na vila prosperou unha comunidade xudía na zona da Porta Nova, que traballaban de comerciantes e artesáns. En 1375 Henrique II de Castela nomeou a Pedro Ruiz Sarmiento señor de Ribadavia e Adiantado Maior do Reino de Galicia polo seu apoio na guerra dinástica contra Pedro I. Así perdeu o status de vila reguenga e iniciouse o señorío dos Sarmiento. En 1386 foi asediada durante nove meses polas tropas do duque de Lancaster, tras o cal foi invadida.

A partir do século XIV comezou a comercializarase o viño a través do porto de Pontevedra cara a: Francia, Portugal, Italia e Inglaterra. En 1476 os Reis Católicos concederon o condado de Ribadavia a Bernardino Pérez Sarmiento pola axuda na guerra contra Xoana a Beltranexa e Pedro Madruga. En 1494 os mesmos reis expulsaron os xudeus dos seus reinos. En 1840 formouse a banda de música da vila, La Lira de Ribadavia, considerada a máis antiga de Galiza. En 1853 a praga do oídio minguou as vides, e en 1892 foron o mildio e a filoxera. Isto provocou que as variedades autóctonas desen lugar a outras máis fortes pero de menor calidade.

Durante a guerra carlista, houbo enfrontamentos entre a banda de Mateo Guillade e as tropas da milicia nacional. Durante a revolución de 1868 estaba de rexedor local Cesáreo Rivera Abraldes, primeiro alcalde do sexenio democrático (1868-1873). Durante o seu mandato organizou unha milicia para defenderse das partidas carlistas. Fundou a loxa masónica Luz de Avia, activa entre 1871 e 1894. O 4 de marzo de 1881 inaugurouse a estación de Ribadavia, a medio camiño entre Vigo e Ourense.

A comezos do século XX xermolou o asociacionismo agrarista, co fin de modernizar os cultivos e para derogar os foros existentes, destacando as asociacións de Ribadavia e San Paio. Tras o Alzamento Nacional o alcalde Benito Gallego Montero foi detido, xulgado e fusilado en Ourense. O concello pertenceu ata 1954 á diocese de Tui-Vigo, pasando nese ano á diocese de Ourense.


“Memoria do silencio” desenvólvese na vila de Ribadavia no mesde agosto de 1943.