O Papuxa é unha taberna moi típica de Ribadavia situada na Porta Nova de arriba. Hai variedade de produtos para comer, desde chourizos, salchichóns e latas en conserva variadas, ademais de xamóns e viño do Ribeiro, de colleita propia. Dependendo de cando e como fagamos a visita, pode ser un sitio ben acaído para descansar, beber algo ou aproveitar para comer. Unha das particularidades que ten esta taberna, é que o cliente chega, senta ou queda de pé e sérvese el mesmo. Unha vez que o cliente se serve e goza da estancia debe informar o dono e dicirlle que foi o que consumiu. «Aquí ninguén controla a ninguén, todo vai con boa fe. O que queira enganar é libre de facelo, alá a conciencia de cada quen». Para os días de bo tempo, recomendamos ir ao patio interior, emparrado.
Existe un dito popular sobre o túnel existente debaixo da adega que din que comunica coa desembocadura do río Avia co río Miño, que era que na época na que os reis católicos expulsaron aos xudeus que vivían na vila de Ribadavia, estes escapaban por este túnel para non ser capturados.
TEXTOS DA OBRA PARA LER
Cando chegaron ao cuartel da Garda Civil, dixéronlles que López estaba na taberna do Papuxa, a súa segunda casa. Que vergonza, pensou Gúnter, Un corpo de seguridade na tasca en horas de traballo. Así lles ía ao país. Jörg seguiulle a graza ao cabo que estaba no cuartel, rexoubando un cacho os dous. Falaba bastante ben o castelán. O idioma local, segundo Jörg, era parecido ao portugués, que coñecía grazas á muller que o criara de neno, cando destinaran o seu pai a traballar en Buenos Aires, despois da Gran Guerra. (…)
—Déixate de parvadas, Jörg, a saudade é de mexericas. Aquí estamos ao que estamos. Imos á taberna a ver que nos di López. Non me gusta como nos miran estes gardas. Nótaselles á legua que están afeitos a ser a única autoridade aquí. Non lles presta nada vernos no seu terreo, pero han de colaborar con nós queiran ou non. (…)
Xusto ao dobrar pola rúa da Porta Nova, deron de fociños co López, que saída da taberna:
—Bo día, meu herren. Como lles vai a xornada por esta nosa terra española do Caudilllo? —dixo acabando de mastigar un anaco de pan con chourizo que traía na man.
—Hail, Hitler! —contestoulle Günter moi rexo, para imporse diante del.
—Arriba España! Viva Franco! —López ergueu o brazo con tanto ímpeto que lle saíu o chourizo disparado, que moito lle prestou a un can fraco que pasaba por alí. Günter permaneceu impasible e Jörg aguantou a risa. López, como se non pasase nada—. Aquí saúdade así, fagan favor, señores, que están nos nosos dominios. Pero non imos discutir, convídoos a un licor café na cantina da estación. O do Papuxa non é malo pero o da estación, moitísimo mellor. Mandámoslle un grolo e falamos con calma, caramba, que son os nosos convidados. Igual non empezamos con moi bo pe, herr vostedes, pero sómoslles os mellores anfitrións. Aínda que o noso Caudillo e o voso Führer non chegasen a un acordo en canto á guerra na súa reunión nas Vascongadas, temos moitas cousas en común.
Memoria do Silencio (páxs. 77-79 )