O barrio Xudeu

Casa da Inquisición

Na esquina da rúa de Xerusalén coa de San Martiño, localízase a casa da Inquisición, un pazo gótico fortificado do século XVI cun fermoso patio renacentista no seu interior, que loce na súa fachada, sobre a porta, os cinco escudos dos familiares do Santo Oficio que aquí se estableceron. De esquerda a dereita aparecen os caldeiros e as esporas dos Puga; os monos dentro dunha aguia da familia dos García Gamba; o dos Bahamonde no centro flanqueado por dous lagartos coas colas entrelazadas; o dun personaxe do Santo Oficio, coa cruz convertida en espada e como remate, as cinco cabezas de lobo dos Mosquera-Sandoval. O persoeiro de Ribadavia máis importante dentro do Santo Oficio foi Pedro Vázquez de Puga. O seu sepulcro atópase na Igrexa de Santo Domingo, moi perto desta casa. O caso dos criptoxudeus de Ribadavia é un dos que mellor ilustra a resistencia de moitos hebreos españois á expulsión de 1492, dando lugar ao fenómeno dos conversos, que axitou á sociedade española dos séculos XVI e XVII.

A xudería

Na vila de Ribadavia, que foi sede dunha importante xudería entre os séculos XI e XV, a expulsión dos xudeus de 1492 significou un duro golpe para os seus habitantes no económico e no social. Mais moitos destes xudeus, en vez de iniciar unha nova diáspora, deciden converterse e seguir integrándose na comunidade ribadaviense. Mais, iso si, co veo do bautismo católico continuarán realizando as cerimonias da relixión dos seus antepasadosEsta comunidade xudaizante viuse favorecida por diversas causas. Unha delas foi o serodio do establecemento do Tribunal da Inquisición na rexión galega, ao que se chamou Tribunal de Santiago pola súa situación, mentres no resto da Península xa levaba funcionando moitos anos (o Tribunal de Santiago foi o derradeiro en establecerse). Nun principio a rexión galega dependía do Tribunal da Inquisición de Valladolid, ao que se lle facía difícil poder controlar todo o territorio galego pola súa distancia, o abrupto do seu territorio e a dispersión da poboación. Por esta razón foi ineficaz durante un longo período, ata que se decidiu instalar un tribunal en Santiago.

Foron diversos os intentos. O primeiro tivo lugar no ano 1520, cando se nomea o letrado Maldonado como inquisidor apostólico no Reino de Galicia polo tribunal da Suprema. Porén, as dificultades económicas e a hostilidade de diversas institucións (Igrexa e Audiencia) fan que fracase o intento de establecerse, pasando en 1532 a xurisdición, inquisitorial ó Tribunal de Valladolid.

En 1561 téntase de instalalo outra vez, mais volta fracasar, disolvéndose no ano 1567. Será no ano 1574 cando se asenta definitiv mente o tribunal en Santiago.

Outra causa foi o incremento de xudaizantes no Ribeiro de Avia, debido primeiramente á expulsión dos xudeus de Portugal en 1497 e ás persecucións de xudaizantes que levou a cabo o Tribunal da Inquisición de Coimbra, Portugal, en 1522, o que fixo que moitas familias se asentaran definitivamente en Ribadavia e contribuirán deste xeito a ampliar e potenciar a súa comunidade.

Tamén influíu o feito de estar moi unidos entre eles (incluso tiñan certas medidas de seguridade para a súa protección) e o ben avidos que estaban coa comunidade cristiá. Por outra banda, é posible que certos comportamentos e cerimonias destes xudaizantes pasaran inadvertidas ou non se lles dera demasiada importancia por parte do resto de habitantes da vila, debido, probablemente, ao carácter galego, predisposto á lenda.

Todas estas causas favoreceron que os xudaizantes non foran molestados durante un período longo de tempo, co que puideron contribuir ao auxe económico de Ribadavia no século XVI e principios do século XVII.

Vida en harmonía

Todo en Ribadavia transcorría normalmente, a comunidade criptoxudía ou xudaizante convivía cos demais habitantes da vila harmoniosamente. Mais, de súpeto, os alicerces da convivencia estremécense, e un lóstrego de zozobra e medo percorre os corpos dos seus habitantes ao saber que a Inquisición prepara unha publicación de edicto de fe, que se vai celebrar na igrexa do convento de Santo Domingo, acto que se celebraba con gran pompa.

Un personaxe desta mesma comunidade criptoxudaica entregara ao tribunal de Santiago en 1606 unha lista onde se acusaba a unhas duascentas persoas de crenzas e práctica de ritos xudaicos. Este personaxe foi Jerónimo Bautista de Mena, natural de Ribadavia. Jerónimo Bautista, na súa lista, acusa e inclúe á súa propia familia, comezando pola súa nai Ana Méndez, defunta, aos seus irmáns Ana de Mena, de 17 anos, e Nicolás de sete ou oito anos, que vivían con el, a seus cuñados e irmáns (…) e un sen número máis de familias que caeron en mans do Tribunal do Santo Oficio, a metade de Ribadavia.

Na vila ninguén estivo seguro nos anos que precederon a outubro de 1606, posto que estes señores non pararon ante ninguén. Foi moitos anos despois cando saíron á luz os abusos e desfalcos realizados por estes representantes da Inquisición, que chegaron a ser de escándalo. Incluso tivo que intervir o consello da Suprema do Santo Oficio. No ano 1607 realizáronse a maioría das detencións, e uns acusaban aos outros nas súas declaracións. Uns nos interrogatorios e outros no tormento foron confesando un a un o seu criptoxudaísmo. Os pais acuasaban ós fillos e os fillos ós pais; foron anos terribles para esta comunidade.

Jerónimo Bautista de Mena

Jerónimo Bautista de Mena, descendente de xudeus, era solteiro. A súa nai, Ana Méndez, dera cartos para que fora estudar ás sinagogas de Venecia, Pisa e Salónica, onde se educou. Fíxose circuncidar, e cando regresou empezou a predicar esta lei (…) ante os xudaizantes, pois ante os cristiáns preciábase de ser todo o contrario. (…) Mais, cal foi o principal motivo polo que este home puido encerrar tanto odio no seu interior e transmitilo deste xeito tan tremendo, incluso sabendo que levaba os seus irmáns á morte? A única pista dánola Bernardo Barreiro:“jamás había perdonado a sus hermanos y cuñados las pequeñas diferencias que existían en el reparto de sus bienes, y no fiando a la justicia la decisión de su causa alimentaba contra ellos un odio impecable que no se apagaría nunca” . Esta acusación ante o Santo Oficio foi a súa satisfacción mesquiña por todo o que acontecerá, non sendo estraño este caso en Galicia, posto que a través da historia as diferenzas con respecto a terras e herdanzas remataron con sangue e morte.

Como producto da súa acusación, levantouse contra Jerónimo Bautista de Mena unha ondada de xenreira e odio que foi o que alimentou a súa morte. Así pois apareceu morto un día nunha rúa de Ribadavia o que non é de estrañar, e posiblemente o asasinara alguén que se atopaba entre as duascentas persoas acusadas.

Despois de certo tempo, cando xa remataran os procesos no ano 1609 e o Santo Oficio puido reunir as suficientes acusacións contra el, realizouse proceso contra a súa sona e foi atopado herexe,“y que sus huesos, por estar en parte señalados, fuesen desenterrados y quemados con su estatua”, procedemento habitual para defuntos ou ausentes.



Os ritos e cerimonias da lei de Moisés que eran considerados como herexía e podían ser causa de condena e pena, tal como o describe o tribunal do Santo Oficio, foron os seguintes: respectar o sábado e non traballar nel; poñer roupa e pescozo limpos neste día; acender o candelabro durante a véspera; cambiar as sabas da cama os venres; realizar o xexún que chaman Grande e que cae polo mes de setembro; desovar e desangrar a carne; respectar o xexún da raíña; rezar oracións sen Gloria Patri, rezar o Semag e a Amida e os salmos de David; non comer carne de porco e, por outra banda, non cumprir como cristiáns os ritos da Santa madre Igrexa. O Santo Oficio aplicaba unha condena determinada segundo a gravidade do delito cometido polo acusado, que oscilaba entre un ano de prisión e morrer na fogueira.

Nos procesos seguíase unha orde pautada para todos, como extraído dun rigoroso manual que, efectivamente, existía. Primeiramente rexistrábase información sobre as persoas acusadas, e se reunían suficientes probas e testemuñas mandábase prender, e inmediatamente despois secuestrábanselles os bens, pasando ser patrimonio da Inquisición. Seguidamente tentaban atopar máis testemuñas, aínda que en realidade bastara cunha soa.

Entre a entrada na cadea e a primeira audiencia, adoitaba pasar un período longo de cárcere, incluso ás veces un ano. Dábaselles por escrito a súa acusación, e tamén letrado para poder defender a súa causa, o que con frecuencia non lles servía de moito. Se confesaban o seu delito na primeira audiencia a causa pechábase e dábaselles a condena pertinente, mais se non o confesaban dábanselles as audiencias necesarias ata que se confesaran culpables. Se mantiñan ou non se tiñan as suficientes probas, comunicábaselles que recibirían tormento. Se aínda así continuaban negativos, dábaselles o tormento, normalmente no potro (sistema moi empregado no século XVII). Aínda, a pesar de todo, moitos vencérono soportando estoicamente o sufrimento. (…) A metade dos procesados do caso de Ribadavia torturáronos con este sistema.

Despois da confesión, que se realizaba a custa de moito sufrimento, eran condenados a unha determinada pena segundo o tribunal atopara o delito moi grave, grave ou leve. Debemos recalcar que varios dos condenados puideron saír en liberdade despois de condonar a súa pena por unha certa cantidade de cartos, como no caso de Simón Pereira2.

Os autos de fe celebrábanse con gran despregue de medios e a toda pompa, e podían ser públicos ou privados. Estes últimos nunha igrexa. Os públicos, no tribunal de Santiago, realizábanse na Praza da Quintana, actualmente chamada Quintana dos mortos, onde asistía numeroso público a tan cruel manifestación. No caso de Ribadavia, 28 dos acusados foron protagonistas do auto público de fe que se celebrou en Santiago o 11 de maio de 1608.

Todos desfilaron co hábito (ou “sambenito”). Aqueles que eran entregados ao brazo segrar e relaxados en persoa, como Felipe Álvarez e o seu fillo Antonio Méndez, de 21 anos, se se arrepentían, normalmente eran agarrotados antes de mandalos á fogueira, pero se non se arrepentían eran enviados directamente a ela.

O Domingo 22 de febreiro de 1609, na igrexa catedral de Santiago celebrouse un auto particular de fe, onde se deron diferentes penas a sete reos concernientes ao caso de Ribadavia. (…)


TEXTOS PARA LER:

—Que teima teñen vostedes cos xudeus, caramba. Aquí, botámolos fóra nos tempos dos Reis Católicos, hai máis de catrocentos anos e santo remedio, nunca máis volveron. Nós si que o fixemos ben. E mire que nesta vila había ben deles, acá pola Porta Nova empezaba o seu barrio. Había ata sinagoga e todo, un lugar ben bonito. Se quere, dígolle a un sobriño meu, que está na Falanxe e sabe moito de historia, que os leve a dar unha voltiña.

—Moitas grazas pero non, non queremos saber dos xudeus de hai 400 anos, queremos saber dos que están a fuxir cara a Portugal, nunha rede ben organizada desde o norte de Europa. Sospeitamos que hai altos cargos diplomáticos implicados, tamén de España e Portugal, e parécenos incrible que vostedes non atopasen nada raro nestes meses. Por forza tiveron que vir ata acó os seus enlaces… —Jörg reproducía o que Günter lle indicaba.

—A ver como llo digo sen que lle pareza mal. Non quero ser maleducado pero asegúrolle que vostedes andan moi equivocados. Aquí pode haber estraperlo co café, co carallo ese de volframio que a vostedes tanto lles presta, con tabaco… migallas, señores. Pensan que imos ter unha rede de espías diante das nosas caras. Mal saben vostedes que aquí non se move unha folla sen que nós o saibamos, señores herren. Temos esta xentiña ben a raia, dígollo eu. Os roxos e os rebeldes onde van, acabamos con eles hai xa case catro anos, como moito queda algún agachado no monte, pero han morrer de fame se non damos nós antes con eles. Fixemos unha boa limpa desa merdalla roxa. Non se move unha rata sen que eu me decate, iso pódollo asegurar. E do pouco que non nos apercibimos, temos xente na vila axexando e informándonos de todo movemento estraño. Temos a veciñanza ben agarraa polos collóns, non sabe o que se chega a facer por medo… Fágame caso, aquí non hai onde rañar.

Memoria do Silencio (páx. 80-81)