Praza da Magdalena e Praza Buxán

A rúa da Xudería alárgase para dar paso aos soportais da Praza da Magdalena, cruzamento de camiños onde conflúen tamén as rúas da Porta Nova de Arriba, San Martiño e Santiago, ademais da veciña praza de Buxán. A igrexa da Magdalena, do século XVIII, dá nome a esta praza situada no corazón do barrio xudeu, ocupando o lugar onde antes estivo a igrexa de San Xes, no século XII.

Pegada á praza da Magdalena, a praza de Buxán forma un amplo miradoiro asentada sobre a mesma muralla. Segundo se mira cara ao río, á esquerda, ábrese a porta Falsa ou Postigo, unha das tres que se conservan das cinco que houbo na fortificación medieval, e que pon en comunicación o recinto intramuros co río Avia e o antigo muíño; as outras dúas son a porta Nova, que xorde máis adiante no itinerario, e a porta da Cerca, fronte á alameda, nas proximidades do castelo.
 Este é un bo momento para descansar, sentar nun banco da praza, gozar da paisaxe sobre o río e comer ou beber algo mentres se len algún dos fragmentos do libro.