Aturar, aturaba case de todo. Pero esta calor estáballe a custar soportala. Se abría moito a fiestra do tren entráballe o po da máquina e non podía chegar a Ribadavia co uniforme todo sucio. Non sabía que tiña a paisaxe que corría detrás do vidro, que lle facía lembrar á súa infancia en Bremen, na terra da súa nai. As cores eran ben semellantes, ou polo menos iso lle pareceu desde a primeira vez que viñera, no 1939. Esta era a súa cuarta visita en catro anos. Non lle gustaba admitilo nin sequera para si mesmo, pero saír de Alemaña e da guerra, aínda que fose por unhas semanas, reconfortábao. A primeira vez que viñera a esta parte de España fora coa Wehrmacht e a Luftwaffe, acompañando a garda de seguridade de von Richthofen45 a Vigo na despedida da Lexión Cóndor. Aínda gardaba un recorte de xornal daquel día. Nesa viaxe coñecera os xerentes das empresas alemás que estaban na rexión a extraer volframio e as outras dúas veces viñera para vixiar que toda a transacción co valiosísimo metal se facía correctamente. Estábanse a detectar irregularidades; os ingleses ofrecíanlles aos paisanos locais máis cartos por quilo, tentando evitar que o volframio chegase ao exército alemán. Era un elemento imprescindible para o seu armamento e cumpría alguén de confianza. Enchérao de orgullo ter esa responsabilidade.
—Ninguén vixía como vostede —dixéralle o mesmísimo Heinrich Müller. Se hai alguén que está a roubar, ou a desviar os fondos, ou a xogar a dobre banda co inimigo, sen dúbida é vostede quen de detectalo. O volframio é indispensable para os nosos exércitos, para o noso armamento, e no noroeste de España téñeno a esgalla. A misión vén directamente do Führer, que o saiba, Schöder. Non nos pode defraudar. Gañar a guerra pode depender dese metal, non o esqueza. Hail, Hitler! —Hail, Hitler!
Memoria do Silencio: (páxs. 14-15)
O licor café baixáballe pola gorxa e dáballe unha sensación de conforto. A xente na estación mirábao con curiosidade e respecto. Non era tan rato, desde que os alemáns descubriran a abundancia de volframio nas minas galegas, ver de cando en vez soldados do exército alemán na zona, de camiño a Casaio, Lobios ou Santa Marta, pero que estivesen aló tanto tempo… cheiraba a corno queimado.
Memoria do Silencio, (páx. 75)
O volframio (tungsteno no mundo anglosaxón) é o elemento químico de número atómico 74, que se encontra no grupo 6 da táboa periódica. O seu símbolo é W. É un metal escaso na cortiza terrestre. Encóntrase en forma de óxido e de sales en certos minerais. De cor gris aceirada, moi duro e denso, ten o punto de fusión máis elevado de todos os metais e, xunto co renio, o punto de ebulición máis alto de todos os elementos. É un material estratéxico e estivo na lista de produtos máis cobizados desde a segunda guerra mundial.
O volframio en Galicia
O industrial inglés John James Rosewarne, que vivía en Zas, comezou a explotar minas en 1878 en Carballo, onde chegou con traballadores escoceses. En xullo de 1908 escribiulle ao cónsul alemán na Coruña, Paul Meyer, que exercía como espía. Na carta informábao de que procuraba ouro e volframio en Galicia e en Cespedosa del Tormes (Salamanca). En 1911 estaba á fronte da The Eureka Explorate Syndicate. Tempo despois funcionaban minas de volframio en Varilongo (Santa Comba), Monte Neme (Carballo) e a costa ferrolá, e explorou vetas en Vila (Santa Comba), Mazaricos, Corcoesto e San Martiño de Meanos (Zas). En Valdoviño Rosewarne atopou arsénico, titanio, ilmenita, ferro, estaño, prata e caolín. As investigacións de John James Rosewarne serviron de proveito científico a Luis Antelo e Isidro Parga Pondal. A chegada da Primeira guerra mundial en 1914 parou o desenvolvemento da minaría de volframio, se ben empresarios franceses puxeron interese en minas descubertas por Rosewarne en Soneira, Xallas e a zona de Ferrol. En 1922 adicouse á extracción de caolín en Laxe.
Durante a Segunda guerra mundial o réxime franquista apoiou a Alemaña Nazi e destinou presos políticos ás minas de San Fins (Lousame), Ponteceso, Fontao (Vila de Cruces) ou Casaio (Carballeda de Valdeorras)44 . Nos portos de Vigo, Vilagarcía e Balarés (Ponteceso) embarcábase o volframio con destino a Alemaña, mais existía contrabando fomentado polo Reino Unido para evitar que chegase aos nazis.
A extracción de volframio en Galicia deixou unha forte pegada cultural, que se viu reflectida en varios libros: Ribeiro, A. (1944): Volfrâmio; Caba Landa, C. (1947): Wolfram, wolfram. La diplomacia en la bocamina; Fariña Jamardo, X. (1977): La balada del wolfram; de Valenzuela, R. (1980): Era tempo de apandar; Guerra Garrido, R. (1984): El año del wolfram; Freixanes, V. (2010): Cabalo de ouros; Carré, H. (2011): Febre; Blanco Ramos, C. (2016): O volframio en Varilongo. Santa Comba de Xallas (1941 – 1963); e filmes como A memoria nos tempos do wolfram (2003) e Lobos sucios (2016).
Na aldea de San Paio traballáronse catros minas de volframio. Estas tiñan os nomes de Eloísa, Rara, Angelita e Esperanza. Comezaron as primeiras extraccións no ano 1905 coa axuda de enxeñeiros belgas e ingleses que ao comezar a primeira guerra mundial cesaron coa actividade. Despois de finalizar a guerra civil aumentou a actividade mineira nos montes de San Paio. As minas viñan sendo explotadas desde o ano 1938 pola empresa Montes de Galicia S.A. (empresa mixta xermano- española), sendo esta actividade mineira controlada polo Conde de Argillo (o seu fillo Cristóbal Martínez Bordíu estivo casado coa filla de Franco).
A estrada das minas finaliza no afluente do Miño e Avia. O mineral era transportado en camións ata a zona da Barca. Aí eran cargados en barcos para a subministración do exército alemán de Adolf Hitler. Desde outubro do ano 2008 o monte coa denominación Couto, Foz e Montes das Minas é monte veciñal en man común dos veciños das aldeas de San Paio e Santa Cristina de Ventosela.
Para ampliar información sobre as minas de wolfram podedes ler os seguintes artigos do web Historia de Galicia:
Reportaxes e documentais sobre os nazis en Galiza e as minas de wolframio:
—Non lle vexo eu a Franco moita gana de facer unha III República, nin esta guerra de Europa moitas trazas de acabar —ao Calavera tremíalle a voz—. Non lembrades cando pasaron os alemáns da Lexión Cóndor por Ribadavia, camiño de León, a festa que levaban? E co volframio que temos por aquí, non saen de Galicia os fillos de puta. A duascentas pesetas pagan o quilo en Lobios e en Casaio oín dicir, que manda truco. Aquí en Santa Marta tamén se cotiza ben, que ata andan os cativos á roubeta en vez de iren á escola… Que ganas de meterlles o volframio polo cu e que lles rebente o corpo a todos eles.
—Das nosas minas extraen o metal co que fan os tanques e as armas para matar esta xente toda. Desde o goberno, aínda lles dan as grazas por viren. E a veciñanza, a gañar o carto a custa da morte allea. Férveme o sangue só de pensalo, xúrovolo que non sei que lles facía…
—Non sexas así, José. O que hai é moita fame e moita miseria.
—E moita ignorancia, Lola. Ou acaso non saben para onde vai esa merda?
—Aquí pouco se sabe e todo se imaxina. Nós temos a radio de galega e levamos escoitando moito a BBC e, nestes dous últimos anos, a Pirenaica. Se non a ver de que leria sabiamos o que está a pasar fóra. Nos xornais e no NO-DO só se fala do fútbol e do ben que está España, como se non resto do mundo non estivese a pasar nada.
Memoria do Silencio (páx. 55-56)
A ver se marchan o carallo dos nazis estes que me teñen a comandancia revolta, non fan máis que amolar con preguntas e máis preguntas. Pensan que son o embigo do mundo e trátannos como se fósemos parvos. Que ganas de que lisquen, sigan coa súa guerra e nos deixen en paz. Era o momento de intentar averiguar se a súa presenza tiña algo que ver con nós.
—E logo, que lles pica, López? Seguen co volframio ás voltas? Mándao para a Santa Marta, que hai ben del. Leva alá a empresa alemá, esa que lle chaman para disimular Minas de Ribadavia, máis de vinte anos. Non sei, igual pensan que temos ouro tamén debaixo destas pedras. Pois é o que lles falta, que levanten o castelo e que o transporten a cachos para Alemaña, se lles parece que teñen xa levado pouco da nosa terra.
—O castelo, tes cada cousa… Nin imaxinas o que andan a buscar, parvadas deles, non me fagas falar que me enveleno. Cousas de novelas de espías que ti non entenderías, Loliña, pero estes alemáns están moi todos, deberon de ir ver o filme ese de El 13 / 1346 e ocórreselles cada cousa…
Memoria do Silencio, (páxs. 85-86)
Parolaron un bo cacho e eu entendín a conversa aos poucos pero estaban preocupados porque os alemáns seguían aínda na vila e, polo que lles dixera a veciña, na procura dalgunha pista da rede. Polo que me explicou José, os alemáns andaban moito nesta terra —nunca o pensaría— porque era rica en volframio, un metal esencial para o armamento. As minas de Santa marta, as máis próximas a Ribadavia, non son as máis cobizadas, polo que me teñen contado nestes días, na extracción do metal. Será certo que están á nosa procura? Teño moito medo de darlle o gusto a eses ruíns da verme presa.
Memoria do Silencio, (páxs. 118-119)