Xa na Praza Maior, temos a oficina de Información e Turismo do concello, que está ubicado no antigo pazo dos Condes de Ribadavia.
Pazo barroco que pertenceu á familia Sarmiento, que se estableceu nesta vila ao serlles concedido o señorío de Ribadavia e o título de “Adiantados Maiores do Reino de Galicia” en 1375 polo rei Enrique II en favor de Pedro Ruiz Sarmiento.
Os Sarmiento conseguiron no 1476 o título de Condes de Ribadavia, concedido polos Reis Católicos. O título perdeuse en 1934 ao falecer o XVIII Conde, D. Ignacio Fernández de Henestrosa e Gayoso dos Covos.
O escudo de armas dos Sarmiento está formado por trece bezantes de ouro, destacando no brasón condal que se atopa na fachada principal tamén as armas dos Castro e Mendoza.
O pazo é unha fermosa obra barroca, con dous patios, un deles de distribución a diferentes dependencias, e outro porticado, de gran beleza, cunha balconada artística e miradoiro ao rio Miño. Ten outros balcóns e solainas dunha gran fermosura, e numerosos escudos dos Sarmientos. Tamén destaca o pequeno edificio abovedado do antigo arquivo dos Condes de Ribadavia.
Actualmente, ademais da oficina de turismo o edificio acolle o Centro de Interpretación Xudía de Galicia, cunha exposición permanente onde o visitante pode comprender a historia dos xudeus galegos deica a súa expulsión. Recomendamos chamar previamente e solicitar a visita, especialmente se é para grupos, xa que pode acontecer que cheguemos e estea pechada a sala (recentemente estivo de reformas). A exposición permanente é ben interesante para afondar na historia da comunidade xudía en Ribadavia.
Centro de Información Xudía de Galicia
Praza Maior 7
32400 Ribadavia – Ourense
+34 988 471 275