Ponte Barxas: a fronteira

Non son quen quitar da cabeza a ollada daquel home cando contaba, comendo a sopa e treméndolle as mans, coma seus pais e irmáns foran gaseados no castelo de Hartheim, levados desde Mauthausen para o seu exterminio. Abraham Bendayam chegara á estación porque escoitou falar que aquí había unha muller que axudaba os xudeus a pasar a fronteira a Portugal. Vino sentado na estación, levaba alí a tarde toda, cos ollos azuis cravados no chan e un abrigo que non era do tempo. Menos mal que os gardas non repararan nel e puiden facelo pasar á casa. Grazas ao pouco castelán que falaba o home e a que Ricardo nos traducía do inglés e do polaco que tamén chapurreaba puidemos saber da súa historia, malia que hai cousas que era mellor non saber. Non puiden pegar ollo nunha semana despois de oír as atrocidades que contou. 

Dixo que os trataban peor ca ás bestas. Non falaba moi ben pero entendíaselle de sobra. Dixo «gas» e dixo «morte» e dixo «nenos e mulleres». Eu non sei que lles pasa aos homes nas guerras, transfórmanse e convértense en monstros. Daquela tivemos que pedirlle axuda a Ramón Estévez que, co fillo, nos axudou a pasalo para Portugal, por Frieira e Ponte Barxas, andando polas vías do tren facendo que ían pescar. Ramón non preguntou nada nin nada a cambio pediu, só bisbou: «Fareino». O fillo contounos despois que Abraham co seu corpiño, espido, dera cruzado o río pola parte mais baixa atando a roupa nun fardelo na cabeza para non mollala. O neno amosounos unha moeda que lle dera o home antes de se ir e contounos que, ao chegar á outra beira do río, fixéralle o aceno de abrazalo e movendo os beizos, sen falar, berroulle en silencio «Grazas, amigo». Que será del… queira Deus, o seu deus ou o que for, que chegase á fin da viaxe. 

Memoria do Silencio (páxs. 24-25)

Ponte Barxas é un lugar da parroquia de Padrenda no concello ourensán de Padrenda na comarca da Terra de Celanova. Está situado á beira do río Barxas ou Troncoso, facendo fronteira con Portugal a través dunha ponte ata a aldea de São Gregório (Cristóval, Melgaço). 

O río Troncoso ou Barxas marca a fronteira hispano-lusa entre a provincia de Ourense e o municipio de Melgaço, e ten un paso obrigado en Ponte Barxas, unha pequena aldea de Padrenda que ten unha ponte internacional que une ambas beiras desde hai século. Aquí houbo unha aduana ata que en 1992 entrou en vigor o Acordo de Schengen, que establece a libre circulación de persoas na Unión Europea. Ao outro lado atópase a aldea portuguesa de Sao Gregorio. 

O 26 de abril de 1935 inauguráronse a ansiada estrada internacional, que enlazaba a española co novo tramo que unía Sao Gregorio con Melgaço, e a nova ponte varios metros augas arriba da antiga; por fin se facía moito máis cómodo o paso fronteirizo. Ao parecer, a antiga e pintoresca ponte de madeira foi destruída durante a Guerra Civil española. 

Prepareille un fardel con mudas de muller, uns boliños dos que lle gustan, os de améndoas e azar, que lle lembraban os que facía a súa avoa. Tamén lle dei de sorpresa un caderno de partituras do casino, de Pascual Veiga e Marcial del Adalid, dous compositores galegos, para que non se esqueza de nós. Metinlle tres pesos de prata, como ao resto, para o que puidese precisar. (…) 

Ás cinco en punto chegou Ricardo co coche. Nós estabamos como mouchas, coa nosa parola. (…) 

Ricardo petou na porta catro veces, era o sinal para indicar que non había ninguén na rúa e que agardaba co coche uns metros máis para adiante. A lúa estaba chea esa noite, parecía día da luz que daba. A casa quedou en silencio. Só se escoitaba o tictac do reloxo de Frieda, agora na miña man. 

—Lembra, se nos atopamos con alguén, que non creo, di que imos pescar salmóns. Co acento forte que tes, mellor que fales o menos posible. Eu direi que es un amigo dos meus tempos da emigración en América, que traballas no Kaolino en Vigo, e que estás de días libres. 

—Kaolino? Iso que é? —preguntou Frieda. 

—O barco que usan para trasladar o volframio desde as minas de Varilongo, máis ao norte. Espero que non nos paren porque a documentación dancha xa na parte portuguesa, non chegou a tempo. Vai ser moi raro que a Garda Civil estea por aquí, se é que os alemáns están a piques de marchar, segundo escoitaches. Estará López contento coma un cuco de ter a vila toda para mangonear ao seu antollo, como ata o de agora —o Evanxelista seguiu conducindo en silencio. 

Fixeron o camiño sen cruzar unha palabra, por Portalaxe, Francelos e Prexigueiro, O Surreiro, Filgueira, O Agro, O Pazo, O Tarendo, A Quinta, A Pousa, O Rial, Sendelle e Nane. Ata chegar a Frieira non se atoparon con ninguén, agás dous lobos que se lles cruzaron diante e que lles deron un susto de morte, cos seus ollos tremelucindo na noite. Pararon o coche onde a tenda de ultramarinos e saíron a andar, coas canas de pescar ao lombo. 

—Espero que a auga do río non che estea moi fría… Xa sabes, tes que espirte, gardar a roupa no fardel e atalo á cabeza para poder nadar. O río Miño, por esta parte, xúntase cun pequeno afluente, o Barxas, e preto de onde conflúen non é excesivamente perigoso cruzar a fronteira a nado, pero hai que ter coidado. As pontes están moito máis vixiadas, sen dúbida por aquí é a opción máis segura. É mellor seguires vestida con roupas de home ata novo aviso, unha muller soa no medio da noite… pode pasar calquera cousa. As fronteiras están cheas de sorpresas, Frieda… Toma, douche o meu pucho, leva comigo desde antes de ir a América e sempre me deu sorte. Con el e coa roupa que levas parecerás talmente un home. Vaiche ser máis doado así, xa verás… 

—Moitas grazas, Ricardo. Non te preocupes. En Holanda aprendín que con pantalóns a vida é moito máis fácil. Agardo que pronto deixe de ser así. Pola auga, non te preocupes. Atravesei Suíza polos Alpes, con ríos xeados de non sentir as pernas. 

—Entón polas augas non me preocupo, isto vai ser coma un baño nas termas de Prexigueiro para ti. 

—Non as probei. Para a próxima visita. Daquela dominarei mellor a vosa lingua — dixo pronunciando cada palabra devagar. 

—Pero se xa pareces de aquí! Pódoche facer de manager na túa xira europea como directora de orquestra mundialmente famosa. Xira que empezará, por suposto, nas festas de San Xoán de Ribadavia cos músicos da Lira, xa me dixo Amparo… Botáronse a rir, sen facer ruído. (…) 

Frieda espise ás présas, meteu a roupa no fardel e atouno na cabeza para cruzar a nado. A distancia non era moita, era boa nadadora. Sentiu a auga frío no corpo e un arrepío percorreuna de arriba a abaixo ao sentir voces e un segundo disparo. (…) Devía manter a tranquilidade e non entrar en pñanico. (…) Unha nube cubriu, por un momento, a lúa chea e nadou, con todas as forzas. Non lle dera tempo a espirse de todo, como lle dixera Lola, para evitar ter a roupa mollada, só a quitar os pantalóns e a camisa. Os calzóns longos non lle daban moita capacidade de manobra pero nadou todo o rápido que puido, como lle aprendera a súa nai nos veráns en Volendam. Desta vez, co fardel atado á cabez. Sentiu cambras nunha perna pero impulsouse igualmente coas mans. Chegou á outra veira e vestiu os pantalóns por riba dos calzóns molaldos, escorreu a camisa e puxo o pucho que lle dera Ricardo. 

Estirou un pouco a perna para que reaccionase e sentiu un asubío a uns metros de onde ela estaba. Eran os gardas da fronteira que saíran como da nada detrás dunha árbore. Frieda quedou paralizada co medo e non foi quen nin de poñer as mans en algo. Os dous gardas mirárona e, lonxe de apuntala coas súas armas, usábanas para indicarle o camiño, para indicarlle a rúa que había de seguir. 

—Vai embora, vai lá embora, corre…
(…)
A liberdade cheiraba a follas de carbalo e a piñeiro, e a terra mollada polo orballo. Nese intre, amenceu. 

Memoria do silencio, (páxs. 135-145) 

De termos tempo, en vez de acabar a ruta no posto de comandancia da Garda Civi, é moito máis interesante poder percorrer o encontro natural desta zona, xa que fixemos o camiño en coche ata acó. Para iso, pódese facer unha rura a pé polos sendeiros do río Troncoso ou Barxas, que dá nome á localidade. Promoñémosvos facer a seguinte, desenvolvida polo web Galicia Máxica; unha ruta moi sinxeliña que non chega a tres quilómetros, pódese facer en menos dunha hora, con tempo a facer fotos e a descansar un anaquiño.